HISTORIA NACIMIENTO.

 
Entre Pueblos
ANUNCISE AQUI. INCREMENTE SUS VISITAS
   Inicio    El tiempo Teléfonos de Interés Ministerios de España   Historia de España   Pueblos más Vistos      

Peliculas de Cine
 

Inicio > A Coruña > DODRO > HISTORIA DODRO

NACIMIENTO - HISTORIA DODRO


Cando comezamos a reunir información para redactar este capítulo tiñamos só uns poucos datos sobre a historia do concello, eran os máis coñecidos e os que se acostuman a repetir en libros e folletos sen achegar case nunca nada novo. O noso labor consistiu en agrupar e organizar estes datos e ó mesmo tempo engadir outros que conforme avanzou a confección do apartado, atopamos en publicacións especializadas e que polas súas características son pouco coñecidas.
Nós agardamos que esta achega poida servir no futuro para animar á elaboración dun estudio máis amplo e documentado, pois o interese de moitos feitos ben o merecen.
O agora municipio de Dodro nos tempos do antigo réxime estaba dividido en dúas xurisdiccións: a de Dodro e Lestrove e a de Rianxo, todas elas pertencentes á provincia de Santiago.
Cando se instauran os novos concellos constitucionais, aínda que Dodro non figura, si o fan os de Laíño e Lestrove no partido xudicial de Padrón.
O 7 de xuño de 1836, o concello de Padrón divídese en dous, formando unha nova administración local chamada Dodro que integra as parroquias de Santa María de Dodro, San Xulián de Laíño e San Xoán de Laíño.
A capital municipal actual é Tallós, onde actualmente se atopa a casa consistorial, pero iso non sempre foi así, a capital municipal estivo tamén en Lestrove e en Vigo.

A HISTORIA
A existencia dunhas mámoas, na aldea de Bexo, e duns petroglifos, na aldea de Imo, é a proba máis palpable de que as terras do concello de Dodro tiveron habitantes dende fai bastantes milleiros de anos, aproximadamente polo ano 3800 a. C.
Trala cultura megalítica desenvolveuse a que hoxe chamamos cultura castrexa, por seren os castros as súas pisadas máis patentes. Coñécese o emprazamento de varios castros no municipio, aínda que o único catalogado e o máis destacable sexa o que está situado entre as aldeas de Imo e Castro.
O descubrimento no século IX por parte do bispo de Iria Flavia, Teodomiro, dunha tumba que inmediatamente identificou coa do Apóstolo Santiago, discípulo de Xesucristo, fai nacer arredor dese lugar a cidade de Santiago de Compostela, á que se chegará a través de varios camiños, un dos cales é a Ruta do Mar de Arousa, no que Dodro está incluído.
É no século XVI cando comeza o asentamento de varias familias nobres en Dodro. Así atopamos dentro dos límites municipais varios pazos como son os pazos de Ermida, Vigo e Tarrío, entre outros.
Todos estes inmobles teñen a súa singular historia, que máis adiante iremos contando. Comezaremos polo Pazo de Vigo, da casa dos Bendaña; a penas quedan restos, pois os principais elementos arquitectónicos e ornamentais, incluída a torre, foron trasladados ó Pazo de Meirás (Sada), onde adornan os seus xardíns e outras dependencias.
O Pazo de Ermida é quizais un dos lugares de Dodro que máis chama a atención. Foi na casa solariega dos ermida, onde o historiador de Galicia don Manuel Murguía, esposo da gran poetisa Rosalía de Castro, tivo a ocasión de observar como cunha subida de auga durante unha forte choiva no ano 1872, subían a flote fragmentos de ladrillos romanos, tellas e pedras, procedentes dun pequeno e curioso castro; hai documentos que din que debeu ser residencia dun xefe na Idade Media. Antigamente na horta do pazo existía un frondoso madroño que viu como co paso dos anos se formaba nel, a pouca altura do chan, un asento; dise que este era o lugar predilecto de Rosalía dende o que admiraba a fermosura da paisaxe e no que concibiu os seus cantares e poesías; trala morte da súa nai en 1868, a poetisa galega refuxiouse nas Torres de Lestrove, como tamén se coñece o Pazo de Ermida; en 1881 escribiu nese lugar Padrón y las inundaciones, e pensase que deu vida ou rematou no pazo: Follas novas, El primer loco, Costumbres Gallegas, El Domingo de Ramos e Cartas a Murguía. Foi tamén nas Torres onde, por inspiración da Organización Republicana Galega Autónoma (ORGA), o 26 de marzo de 1930 se celebrou o Pacto de Lestrove, no que se asina a alianza das distintas forzas republicanas galegas non nacionalistas. A finais do ano 1929 e comezos de 1930 a Dictadura caía, a República xa se vía vir e as faccións do republicanismo galego non se poñían de acordo; daquela tomouse a decisión de converxer nun só feixe a tódolos republicanos da rexión con vistas a acelera -lo proceso de caída do réxime monárquico e prepararlle o terreo á república; fíxose unha reunión clandestina en Roxos pero alguén debeu de traizoalos e, por iso, finalmente Xesús San Luís Romero acompañado de Constante Nogueira e Andrés Suárez tiveron que marchar ó Pazo da Ermida, onde o vello republicano Xosé Vázquez Batalla lles ofreceu a súa casa para celebra -lo clandestino comicio. A reunión, á que acudiron representantes dos diversos partidos e agrupacións que compoñían o espectro republicano, tivo lugar o 26 de marzo de 1930; nun primeiro plano estaba a ORGA, os promotores do acto, e o Partido Radical cos seus líderes á cabeza, Casares Quiroga e Abad Conde; xunto a eles, o Partido Radical -Socialista, o Partido Republicano Federal, unha representación da sección galega da FUE e algúns republicanos a título persoal, así como varios sindicalistas ex -militantes da CNT; en total, máis de medio centenar de asembleístas. Tralos debates de rigor, os asistentes acordan a creación da Federación Republicana Galega (FRG) co obxectivo da implantación do réxime republicano democrático en España e loitar pola autonomía de Galicia; Casares Quiroga irá ó Pacto de San Sebastián como representante da FRG.
No terceiro aniversario do Pacto, xa en plena república, volveron reunirse case tódolos asistentes, no mesmo lugar para agasallar a Vázquez Batalla cun pergameo que conmemoraba a data daquel acto.
O Pazo de Tarrío ou Torre de Laíño

OS XACEMENTOS ARQUEOLÓXICOS
A existencia de vestixios datados no megalistismo neolítico e na Idade do Bronce, evidencian asentamentos de poboación dende moi antigo. As mámoas, os castros e os petroglifos son abundantes en todo o concello.
As mámoas da Paradegua son catro e sitúanse en Bexo no fondo que hai ó lado esquerdo da AC-305, non é posible precisalas súas dimensións nin a súa forma en detalle porque as súas características topográficas e a abundante vexetación, fan que o acceso ó xacemento sexa case imposible.
O petroglifo de Bouza Abadín atopámolo en Imo, a uns 200 metros da dita aldea. Estes restos arqueolóxicos son un conxunto de interese histórico e artístico da Idade de Bronce, formado por gravados circulares e figuras de animais moi esquematizados. As lendas do lugar intentan explicala orixe destes gravados. Conta a tradición que no monte de Bouza Abadín había unhas marcas que eran do cabalo de Santiago Apóstolo e preto de alí dous asentos na pedra, nos que estiveran descansando este e unha muller.
No lugar de Bexo, ademais das mámoas da Paradegua emprazase o castro da Veiga de Abaixo ou Murallas de Bexo, situado onda o Monte Carboeiro, terceira altura do concello; para acceder a el hai que ir pola pista que vai cara a Teaio; a situación do castro non é moi boa, xa que se utilizaron as súas pedras para a construcción, quedando actualmente moi poucas. Este lugar tamén ten lendas sobre a súa orixe; o Apóstolo tamén se relacionado con este lugar, aquí está a cama onde facía penitencia. Dende este lugar gózase da mellor vista do estuario do Ulla.
Na aldea de Lestrove, situada tralo Pazo de Ermida, na caída do monte de Vilar, atopámolo castro de Lestrove, un xacemento de forma circular que se atopa cuberto de densa vexetación o que impide poder apreciar ben a súa estructura.
Esparexidos polo concello atopamos castros como o de Traxeito e o do monte Xián, en Revixós, pero quizais o xacemento máis coñecido e estudiado sexa o castro de Imo; este xacemento, situado entre as aldeas de Imo e Castro, ten no seu conxunto unha forma case triangular, moi redondeada, co seu vértice apuntando cara o sur, o seu estado de conservación é bastante bo, sen modificacións apreciables a excepción da parte norte, na que se escavou algo para aproveitamento do cultivo; diante do castro, a uns 100 metros, hai unha pequena elevación cun peche elíptico de grandes pedras cravadas no chan,denominada a ”A Coroa da Moura”. Ó norte deste xacemento, na elevación en que se asenta a aldea de Castro, pódese aprecia a existencia dun castro maior, pero moi modificado e coas defensas derruídas para o aproveitamento agrícola do terreo; nas terras de labor pódense recoller pequenos restos de cerámica.
Como trazo común a todos estes restos prehistóricos, temos a súa atribución ós mouros, non os musulmáns, senón os considerados mitoloxicamente como os primeiros habitantes de Galicia. Hai lendas que narran existencia de ouro soterrado e de túneles de pedra que comunican os castros entre si.

Ref: 7972 - Ultima modificación:24-09-2008
Añadir articulo | Reportar Error | Enviar aun Amigo/a

Volver a HISTORIA DODRO
Volver al pueblo de DODRO
Volver a A Coruña
Volver a entrepueblos.com

Otros pueblos de España: A Coruña -Álava -Albacete -Alicante -Almería -Asturias -Ávila -Badajoz -Baleares -Barcelona -Burgos -Cáceres -Cádiz -Cantabria -Castellón -Ceuta -Ciudad Real -Córdoba -Cuenca -Girona -Granada -Guadalajara -Guipúzcoa -Huelva -Huesca -Jaén -La Rioja -Las Palmas -León -Lleida -Lugo -Madrid -Málaga -Melilla -Murcia -Navarra -Orense -Palencia -Pontevedra -S.C de Tenerife -Salamanca -Segovia -Sevilla -Soria -Tarragona -Teruel -Toledo -valencia -Valladolid -Vizcaya -Zamora -Zaragoza si desea volver a la página principal de www.entrepueblos.com pulse aquí.

 
EntrePueblos.com pagina de todos los pueblos y municipios de España